Un día a Igrexa achegouse a Xesús. - Mestre - xe dixo - ¿que teño que facer para gaña-la vida eterna? E Xesús contestou sen moito afán: - Xa sabes o que din os teus mandamentos: ir a misa os domingos, confesarse, comulgar por Pascua... Pero a Igrexaa buscaba anotarse un tanto: - Mestre, esto o vimos facendo desde hai séculos! Entón Xesús exclamou: - Ah! Pois logo unha cousa che falta para ser perfecta! Vai, vende todo o que tes, e ven comigo. Entón a Igrexa baixou a cabeza, deu media volta e marchou avergoñada, porque era moi rica. Tamén Xesús, volo aseguro, quedou apenado.
Estaba lendo o último número de Cristianismo y Justicia, onde José G. Faus escribe sobre o medo da Igrexa a Xesús. Gustoume ler de xeito tan ben fiado ideas das que temos falado tantas veces de xeito disperso, ao redor dun viño, andando pola rúa, moitas menos veces ao redor do altar. Desto último quero falar, por algo que comenta tamén Faus nese caderniño, unha vez máis dando forma a cousas que de seguro algunha vez falamos, pensamos ou sentimos, aínda sen poñerlle nome.
A liturxia. Tan cercana e tan lonxana. Tan de diario e tan inaccesible. A liturxia é o xeito que temos os homes de relacionarnos con Deus, de falarlle a Deus. En 20 séculos de cristianismo temos feitas moitas tonterías coa liturxia. Desde sacralizala, convertendo en fin o que era un medio, ata revestila da fastuosidade do poder. Pasando por unha exculturización, normativización, complicación que foron alonxando, enturbiando e empobrecendo a linguaxe coa que lle falamos a Deus, ata o punto de mecanizar a liturxia.
Ben sendo hora de repensar a liturxia. De renovar a liturxia. De humanizar a liturxia. De cotidiniazar a liturxia. A liturxia – parafraseando a Salvatore Quasimodo – ten que ser dun tempo e dun lugar; ten que enrraizar nunha realidade, nunha cultura, nunha xente, pois do contrario resultará – e resulta - alienante. Non debemos ter medo de Deus. Relacionémonos con el con normalidade: é o noso Pai. Non temos que agocharnos detrás de signos e ritos. Se os usamos, que sexan vivos, que sexan nosos.
Non precisamos aprender unha linguaxe para falar con Deus, porque Deus usa a nosa linguaxe!
"Co evanxeo pola man" é o título dunha das obras de Manolo Regal, a quen tanto lle debemos os que, aínda que sexa de cando en cando, usamos as súas verbas para falarlle a Deus. De seguro que non lle molesta que utilice o título neste blog, que non tenta outra cousa que reflexar como eu, cristián (cada vez máis) e xoven (cada vez menos), vivo e penso o meu cristianismo desde este tempo e desde esta terra. Ogallá as/os que o ledes vos animedes a participar e deixar parte do voso pensamento e a vosa vida tamén neste pequeno espazo virtual.
Enderezo
Se alguén quere falar un viño, que diría Manuel María, velaquí vai un enderezo: